martes, 20 de marzo de 2012

A desaparición de Apolo


Os operarios do concello traballaban a marchas forzadas ás ordes do comisario da exposición, don Lucas Delgado. Colocaran a maioría dos cadros: á dereita, os relacionados coa familia de Filipe IV; á esquerda, os de temas relixiosos e mitolóxicos. Deixaron o centro para A fragua de Vulcano que recollía a visita do adolescente deus Apolo á forxa de Vulcano (onde traballaba cos ciclopes) para lle comunicar que Venus, a súa muller, andaba en amores con Marte, deus da guerra.
—Que marabilla! —exclamou o señor Delgado contemplando deslumbrado o cadro do deus do lume e da forxa. 
Os operarios do concello acudiron a onde estaba don Lucas. Puxéronse de par súa, pero un deles quedou uns metros máis atrás. Daquela un intenso nimbo' de luz, saíndo da cabeza do deus Apolo, deulle de cheo na cara e non lle permitiu contemplar a escena. 
Abraiado, mudou para a esquerda e ficou pasmado outra volta ao comprobar que Apolo movía a cabeza e o seguía coa vista. 
—«Será un efecto máis buscado por Velázquez» —pensou para si sen se atrever a comentalo cos compañeiros. 
Virou logo para a dereita e o deus comezou a choscarlle o ollo. O aglaio foi a máis cando reparou en que o burlón Apolo recollía o dedo índice e estendía o do medio, facendo un inxurioso aceno de mala lei co que aumentaba a sorpresa dos ciclopes e do mesmo deus Vulcano. 
—Quedou todo moi ben! — celebrou o comisario. 
Sen máis aquel, os operarios do concello apresuráronse a saír para a final de fútbol do trofeo Cidade de Faro. Ao finalizar o encontro tería lugar a solemne inauguración da exposición por parte do presidente da Xunta. 
Don Lucas Delgado, garboso da resonancia que estaban a ter os actos organizados na cidade, volveu para o interior da sala de exposicións. Colleu unha cadeira e sentouse para admirar polo miúdo A fragua de Vulcano
Susto! Esparamexo! Berro estentóreo
O cadro estaba deteriorado! Había un espazo en branco! Que ocorrera co deus Apolo?! 
O secretario do Casino acudiu axiña. Non se fixou no cadro. Atendeu ao comisario. 
—Que lle pasou? —interrogou. 
O comisario non contestou. Non acababa de crer o sucedido. Deluvou os ollos con forza. —Isto é incrible! —soltou ao fin. 
Era imposible! A fragua de Vulcano estaba estragada: faltaba o deus Apolo, e Vulcano e máis os ciclopes ollaban perplexos de cara a nada. 
Ergueuse o comisario da cadeira e precipitouse onda o delegado do Museo do Prado, que aínda estaba preto da entrada. 
—Esta seguro de que... estes son os cadros da exposición? —inquiriu desconfiado e sudoroso. 
O delegado do Museo fitouno con desperezo. 
—Perdoe vostede, pero... aquí hai algo raro —sincerouse don Lucas. As gotas de suor perláronlle a fronte—. E se por unha casualidade... viñese defectuoso algún dos cadros importantes, que pasaría? 
—Non diga parvadas! —recriminou o do Museo—. Iso e imposible. Velaquí a certificación notarial de que todo se empaquetou en perfecto estado. Ademais viñemos escoltados pola policía todo o camiño. A normativa para transportar obras de arte esixe unha garda permanente que eu mesmo lles dei. Os precintos de todos os cadros confirman que non houbo manipulacións. 
Don Lucas Delgado comezou a tremer. 
—Pero, que ocorreu? —preguntoulle o delegado do Museo—. Nótoo... moi alterado. 
—Naaada... nada. Non ocorreu nada —mentiu. 
O delegado do Museo marchou confuso, desconcertado. Por que Ile vinan con aquelas cousas? 
Entre tanto o comisario chamou a escape ao secretario do Casino e contoulle o caso ás agachadas. Foron os dous correndo ata onda o cadro. 
—E mais si! —exclamou o secretario, alarmado—. Nunca tal vin nos meus anos! Mira que graciosos están Vulcano e mais os ciclopes! Parecen que aparvearon vendo a fuxida de Apolo! 
—Cale xa —increpou o comisario—. Déixese de chanzas, Non estamos para bromas. Teño que ver de atopar unha solución. 
O secretario tornou serio. 
—O malo e o pouco tempo que falta para... —insinuou. 
—Xa sei que e moi urxente, que así non pode quedar, que... Non debín buscar axuda en persoas inútiles —encarraxouse o comisario. 
E, acto seguido, foi á súa casa. Pechouse no seu despacho. Cavilou. Matinou. Cismou. Botou man á axenda. Nun folio en branco anotou teléfonos, nomes, enderezos, contactos. Colleu a guía telefónica. Volveu anotar máis teléfonos, máis nomes, mais contactos. Eran datos de asesores en lenzos, restauradores, catedráticos ou entendidos en pintura, persoas a quen acudir para esclareceren convincentemente algo insólito: a fantasmal ausencia de Apolo dun cadro onde el era a figura principal. Incluía, tamén, referencias de investigadores privados. Remarcou en vermello o letreiro de «Véritas», a axencia de detectives que dirixía o seu amigo Sito Pescudo. 
Na cidade estaba tamén a profesora Úrsula Becker, a coñecida experta na obra de Velázquez. Don Lucas subliñou o seu nome. 
COMPRENSIÓN 

1. Asocia cada voz da lectura co seu significado. 
A. abraiado · B. garboso · C. perlar · D. chanza · E. cavilar
... Cubrir o salpicar algo de pingas. 
... Dito gracioso para burlarse ou rirse de alguén. 
... Que amosa aprecio esaxerado cara a si mesmo. 
... Pensar con insistencia. 
... Que sente estrañeza ou sorpresa ante algo inesperado, inusual, extraordinario. 
— Algunhas das palabras anteriores ofrecen outras voces sinónimas na propia lectura. Localízaas. 

2. Indica que significan no texto estas expresións coloquiais. 
  • «de par súa»: ....................... 
  • «sen mais aquel»:............ 
  • «de mala lei»: ........................ 
  • «a escape»: .......... 
3. Tira do texto todo o léxico referido a profesións, ocupacións e cargos. 
— En parellas, revisade e ampliade as vosas listaxes. 

4. Ordena con números os seguintes feitos segundo se fosen sucedendo na lectura. 
.... O delegado do Museo marchou confuso e desconcertado.  
.... Lucas Delgado sentouse para admirar o cadro de Velázquez.  
.... Lucas Delgado remarcou o anuncio da axencia de detectives.  
.... Os operarios saíron ás présas para a final de fútbol.  
.... O operario comprobou como o deus Apolo o seguía coa vista.  
.... Lucas Delgado colleu a axenda e anotou contactos de interese. 

5. Responde razoadamente estas afirmacións. 
  • Que escena representa o cadro A fragua de Vulcano
  • Como reaccionou Lucas Delgado cando descubriu a fuga de Apolo?
  • E como reaccionaron os demais personaxes do cadro? 

REFLEXIÓN



6. O texto presenta, nun contexto realista, a aparición dun elemento fantástico ou extraordinario. Xustifica, apoiándote en distintos fragmentos da lectura, a anterior afirmación. 

CREACIÓN 

7. lmaxina e crea un desenlace para a lectura. Sigue estas pautas: 
  • Este desenlace debe proporcionar un peche coherente a historia, pero convén manter a mestura de elementos realistas e fantásticos. 
  • Podes continuar cos mesmos personaxes ou introducir algún novo. 
  • Esta continuación non debe superar as 20 liñas.
— Finalmente, cando teñades os vosos finais preparados, lede algúns en voz alta na clase. Comentade despois cales vos gustaron máis e por que.

1 comentario:

  1. Parabéns polo blog, que calado o tiñas, prometo aproveitarme "moito" del, citando a fonte, claro. Bks.

    ResponderEliminar