viernes, 20 de abril de 2012

7 de xullo


Si, señor, eu dígolle a verdade. Só a verdade. A mentira empobrece o ser humano. Iso di meu pai. E a min aprendéronme a non mentir nunca. Aquela mañá erguinme ben cedo. Tiña esas formigas rebulindo pola barriga, as formigas que espreguizan cada semana cando merco o billete a Kings's Cross. Como di? Cada semana? Si, claro, fago esa viaxe cada semana. Xa sei que é un traxecto longo pero os domingos, como non teño que ir á escola, gústame viaxar ao centro. Londres non é unha cidade tan complicada e eu, eu non son unha cativa. Teño dezaoito anos, sabe? O dia do meu aniversario regaláronme un libro de arte. Que regalo tan bonito! A miña irmá sabe que o que máis me gusta no mundo é a arte. Por iso vou cada domingo ao Museo Británico. O libro? O libro é de arte exipcia. Non imaxina a ilusión que me fixo! Si, céntrome no que estamos a falar. Ao principio, á miña nai non lle gustaba a idea de deixarme viaxar soa. Dicía que hai moitos perigos na cidade, especialmente para nós. Di que hai moito depravado por aí solto. Eu nacín en Gran Bretaña, si señor, nacín no barrio de Beeston, en Leeds, ao norte de Londres. Levo toda a vida alí. Dezaoito anos no barrio de acaroados de tixolos vermellos, sempre na mesma escola. Nadia é a mina mellor amiga. Compartimos moitas cousas agás a arte. A ela a arte non lle gusta. Por iso os domingos nunca quere vir comigo. Algunhas veces facíao pero só para que a miña nai non se preocupase. Ela nin sequera entraba. Non, non, que va. Ela nunca entraba. Só unha vez que arroiaba e non tiña onde se refuxiar da chuvia. Aquel día Nadia entrou. Non lle gustou nada o que viu. Ela disimulaba como podía e preguntábame por esta escultura e por aqueloutro friso pero eu sei que non lle importaba en absoluto. Perdía os ollos atrás de cada rapaz que pasaba! Si, claro que nos gustan os mozos europeos. Non vaia pensar! O Museo Británico é o mellor lugar do mundo para coñecer persoas doutras razas, cores, idades e niveis culturais. É o lugar obrigado de todo turista que viaxa a Londres. Os xaponeses son moi guapos, así, caladiños, permanecen absortos durante horas perante o Partenón grego sen dicir palabra... Os italianos intúelos desde a distancia. Berran tanto coma os españois. Este ano, sabe?, en Italia lévanse as lentes grandes e o pelo así, revirado cara a arriba. Son moi fachendosos. gústame oílos falar. [...] Volvo, volvo, non se preocupe. Esa mañá collín soa o tren. Non, non era domingo pero xa estabamos de vacacións. O sete de xullo. Si, claro que levaba mochila. Procuro aproveitar o tempo ao máximo cando vou á City. Na mochila levo decote un bocadillo e dúas pezas de froita porque a comida do centro é carísima agás os burguers pero, xa imaxina, eu non podo comer diso. Tamén un zume, un xersei, un lapis e un caderno. Gústame debuxar. Amoseille os meus debuxos? Mellorei moito nos últimos anos. O malo é que no British, nós chamámoslle así, non me podo sentar onde quero e, case sempre teño que debuxar de pé. Si, na National Gallery hai bancadas pero no British, non. Xa non me doen tanto os brazos coma ao principio, tiña unhas maniotas aquí nos pulsos! Mire, mire, gardo aquí mesmo o caderno. Ve? Estes son diferentes fragmentos da pedra Rosseta. Descubriuse no
delta occidental do Nilo en 1799. As inscricións en grego e exipcio antigo —nese detalle lese mellor— rexistran o mesmo acontecemento do ano 196 antes de Cristo. Nesta pedra está a clave para descifrar os xeróglifos exipcios, non lle parece marabilloso! [...] Se viaxei algunha vez a Exipto? Non, non señor, claro que non, pero gustaríame moito. Non, nunca saín de Londres e os meus irmáns tampouco. Outra vez? Claro que me gustaría ir a Exipto. Gustaríame tanto ver a sombra das pirámides na caída da tarde e sucar o Nilo e ver os templos de Abu Simbel! Só por iso? Si, so por iso. Acaso por que? Volvín perder o fío, seino, pero vostede tampouco axuda. Aquel día madruguei e entrei case de primeira no Grande Adro do museo. As salas non abren ata as 10:00 pero eu quero ir moi lixeira porque, do contrario, hai demasiado balbordo. Por iso madrugo tanto e ás 8:45 xa estaba na porta. Non notei nada raro, nin no bus nin no tren. Nada. Na nosa parada estaban os mesmos rapaces de sempre. Non vin nada fóra do normal. Nada. De verdade. Nada. Eu quería entrar no British ás dez en punto. Pretendía ir rapidamente en dirección á sala 63. Cada dia vou debuxar a unha sala distinta. Pode preguntarlles aos gardas de seguridade, a Nelson ou a James, que me coñecen ben. Aquel día quería ir á sala 63 para debuxar as momias. Hai unha venda que se me resiste. Non son capaz de captar os fíos machucados polos séculos. Ve? Esta de aquí. Todos os debuxos teñen anotacións co día e a hora á que foron debuxados. Este é do dia 6 de xullo de 2005. Non hai apuntamentos do día 7 porque, xusto antes de entrarmos, soubemos o que sucedera no autobús e no metro. Sóubeno alí. Si. Sóubeno alí, no Grande Adro do Museo Británico. A xente comezou a poñerse nerviosa e a falar e a correr. Falaban de bombas e de estoupidos e dunha gran traxedia. Pregunteille a dúas ou tres persoas pero non me deron razón así que dei en correr pola rúa. Necesitaba saber que pasara. Preocupeime pola miña familia, claro que me preocupei. Quería saber que acontecera. E comecei a dar voltas e voltas. A xente corría dun lado para outro como animais espantados. Pecharon o metro e as caras de preocupación sucedíanse. Foi como un pesadelo. Claro que tiven medo, claro que tiven medo. Non sei por que acabei preto do cordón policial, acabei alí porque... pois por puro pánico. Saíra do British absolutamente atordada e deixeime levar pola marea humana que deambulaba pola rúa. Non, señor, non agardaba atopar a ninguén coñecido. So quería saber como volver a casa. Como estaba a miña familia. Non, señor, non sei cantas horas pasaron. O que si lle podo dicir é como me miraba a xente. Ollábame con odio, con rancor, con receo. Achegueime a varias rapazas para preguntarlles que acontecía e afastáronse de min con autentico terror. Logo achegueime a un home ao que lle sangraba a cara e volveu esquivarme. Non sabia por que me miraban así. Non sabía por que. Que lles fixera eu. Logo entendín. Bomb, bomb, bomb!!!!, berraban e aquela calor, e a xente ensanguentada, e o metro pechado e o teléfono sen cobertura... Preocupeime pola mina familia, señor, vostede faría o mesmo. Si, señor, sei que o 7 de xullo, pouco antes das nove da mañá, morreron medio cento de persoas en varios atentados practicamente simultáneos no centro de Londres. Seino perfectamente porque puiden ser unha delas. Foi cuestión de minutos. Tamén sei que os supostos terroristas eran veciños meus de Leeds e, si señor, claro que os coñecía. Eran uns rapaces encantadores. Pero eu non sei nada máis señor, nada máis. Supoño que se eu non fose filla de árabes non me faría todas estas preguntas. Xa sei que é o seu traballo, señor. Pero aquela mañá eu so quería debuxar un pequeno anaco de venda dunha momia do Museo Británico. E, si señor, a min os pesadelos tamén me espertan aínda pola noite.
Rosa Aneiros, «7-X» en Contos de colonias escolares, belas adormecidas...


COMPRENSIÓN
1. Ofrece o significado deltas palabras da lectura.
aniversario - arroiar - friso - absorto
perante - balbordo - adro - atordada

2. No texto aparecen diversos xentilicios, e dicir, adxectivos que indican a orixe xeográfica de algo ou de alguén. Localízaos. 
   Xentilicios: ....


3. A protagonista da lectura diríxese directamente a alguén en varias ocasións. Tira exemplos disto e despois responde razoadamente estas cuestións:
• Quen e, na túa opinión, a persoa coa que fala a rapaza?
• Que tipo de diálogo están a manter?
— En parellas, contrastade as vosas respostas.


4. Elixe a opci6n que completa correctamente estas afirmacións relativas protagonista da lectura.
• Cada domingo col lia un billete con destino a estación de...
    A: Charing Cross.
    B: King's Cross.
    C: Victoria Station.
• Polo seu aniversario a súa irma regaloulle...
    A: un DVD sabre o antigo Exipto.
    B: un ha réplica da pedra Rosseta.
    C: un libro de arte exipcia.
• A súa amiga Nadia entrou só unha vez no British e fíxoo porque...
    A: fóra chovía moito.
    B: seguiu un rapaces italianos.
    C: necesitaba ir ao baño.
• O día dos atentados, ía a sala 63 do British para pintar...
    A: unhas momias.
    B: o busto dun faraón.
    C: o friso do Partenón.


5. Tendo en conta a información que ofrece o texto, anota nunha ficha coma a seguinte todo o que saibas sobre a rapaza protagonista.


REFLEXIÓN
6. Lede na aula en voz alta o fragmento que vai desde «O que si lle podo dicir» ata «non me faría todas estas preguntas». Despois organizade un coloquio sobre o seu contido.


CREACIÓN
7. En parellas, investigade sobre a cidade na que se sitúa a lectura: Londres.
— Consultade todo tipo de fontes: enciclopedias, guías turísticas, Internet...
— Recollede a información básica de forma esquemática: historia, extensión e demografía, lugares de interese.
— Incluíde tamén: información sobre os atentados do 7 de xullo do 2005 mencionados na lectura.
— Finalmente, reunidevos varias parellas e intercambiade os vosos datos. Comentade semellanzas e diferenzas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario